Carla Sesar logra o bronce no Festival Olímpico da Xuventude Europea en Macedonia

A taekwondista galega Carla Sesar, do club Natural Sport Ribeira, logrou a medalla de bronce na categoría -55 kg no Festival Olímpico da Xuventude Europea (FOJE), celebrado estes días en Skopje (Macedonia), poñendo así un gran broche á súa tempada.
Carla comezou a súa participación cunha sólida vitoria ante a suíza Sophie Lewis, impoñéndose por 2-0 (16-8, 16-3): “Saín bastante ben para ser a primeira toma de contacto. Houbo algúns erros, pero o combate foi ben levado”, comentou.
No segundo combate, derrotou con claridade á austríaca Julia Pomper por 2-0 (13-4, 18-5), malia a longa espera provocada por un parón no campionato debido ao calor. “Estiven case cinco horas agardando entre combates, pero saín moi centrada e conseguín dominar dende o principio”, explicou a deportista.
No terceiro enfrontamento, polo pase ás semifinais, superou con autoridade á local Dushica Breslieva (Macedonia) por outro 2-0 (13-2, 15-3), asegurándose así a medalla de bronce.
Xa nas semifinais, tocoulle enfrontarse á búlgara Erika Karabeleva, quen acabaría proclamándose campioa do torneo. O combate foi moi axustado (8-10, 6-8), e malia a derrota, Carla amosou carácter e calidade: “Foi un combate igualado, cometín algún erro e ela soubo aproveitalo. Aínda así, estou moi contenta co traballo feito. Hai cousas que mellorar e iso tamén forma parte do proceso”, sinalou.
Participación galega nos Xogos Mundiais Universitarios
Ademais do éxito de Carla, outros taekwondistas galegos participaron nos Xogos Mundiais Universitarios celebrados en Rhein-Ruhr (Alemaña).
Desi Rivadulla (+73, Costado) venceu na primeira rolda á mexicana Barrios (2-0), pero caeu en cuartos fronte á representante de Estados Unidos.
Lois Tomás (-63, Natural) comezou con vitoria ante Yayden Setrodipo (Países Baixos), pero foi eliminado en oitavos polo tailandés Napat Sritimongkol.
Alma Pérez (-53, Costado) superou a estadounidense Weber por 2-0 e caeu nos cuartos ante Ouhoud Ben Aoun (Túnez) por un axustado 1-2.
Agora, Carla e o resto dos deportistas galegos afrontan un merecido descanso antes de comezar a preparar a vindeira tempada.