Castiñeiro Milenario prepara para o sábado unha foliada de outono
A asociación Castiñeiro Milenario de Begonte celebrará este sábado, 14 de decembro, unha nova edición da Foliada de Outono, que terá lugar na Casa do Pobo do Castro.
Nesta ocasión organizarán un obradoiro de baile tradicional que impartirán as mozas de Andar cos tempos, Chus Caramés e Carme Campo, dúas bailadoras, mestras de baile e educadoras no ámbito da educación non formal. O obradoiro comezará ás 19.30 horas e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento ao baile tradicional. O custe para persoas non socias é de 10 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario será de balde. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.
Despois do abradoito haberá un pequeno descanso con petiscos para repoñer forzas e comezará a foliada con tres grupos convidados para esta edición. Foliadeir@s do Castro, como grupo da casa, Buxos Verdes desde Vilalba e Foliada de Bosende desde Lugo. Ao rematar os grupos haberá foliada libre ata que os corpos aguanten.
A organización agradece a Buxos Verdes, Foliada de Bosende e a Chus e a Carme de Andar cos tempos a súa presenza e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por pola cesión das súas instalacións da Casa do Pobo, así como o traballo de Brais García, deseñador do cartaz desta nova tempada de foliadas.