Catro medallas galegas na primeira xornada do Europeo de Tallín de Taekwondo

A primeira xornada do Campionato de Europa de Técnica, Freestyle e Parapoomsae que se está a disputar en Tallín (Estonia) rematou con catro medallas para Galicia: un ouro, dúas pratas e un bronce.
A primeira alegría da xornada chegou coa medalla de ouro para Beatriz Queiró na categoría Máster 3. A galega superou na primeira rolda á representante finlandesa Sirpa Huuskonen e na final impúxose a Sylvia Gringer, de Austria. A súa actuación foi impecable, e así o recoñeceu a propia Beatriz: “Competín moi ben, estiven segura e confiada, sabía que estaba ben adestrada e encantoume”.
Na categoría sénior 1, Tomás Fernández logrou o bronce despois dunha brillante competición. Superou a Andreas Bruckl (Austria) e ao turco Yilmaz antes de caer nunha axustada semifinal ante o número 1 do ranking europeo, Joel Van Der Weide (Países Baixos). O combate foi tan axustado que perdeu por milésimas no primeiro poomsae e por só unha décima no segundo.
En Freestyle, tanto o quinteto sub-17 como o de maiores de 18 anos acadaron a medalla de prata. No grupo sub-17 competiron Nuria Rodríguez, Ana Llin Shin, Nadia Blanco, Lucas Yelo, Hugo Arnoso e Iván Pena, logrando unha puntuación de 6,8. Italia levou o ouro con 7,2 puntos e Ucraína o bronce con 6,1.
No quinteto +18 participaron Rubén Galdó, Miguel Barreiro, Irea Abuín, Inés Abuín, Yaiza Velo e Pepe Soto. A súa puntuación foi de 7,1, moi preto do ouro que tamén foi para Italia (7,4). Os bronces foron para Turquía e Alemaña.
Un gran inicio para Galicia neste Europeo, con opcións de seguir sumando éxitos nas vindeiras xornadas.