CC.OO e CIG convocan manifestacións en toda Galicia para erradicar a fenda salarial

A secretaría das Mulleres da CIG chama a se mobilizar este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, para reclamar "traballo, igualdade e salarios dignos". Porque a pesar da evolución en materia de dereitos formais, "o certo é que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor".
Para esta xornada, a CIG ten convocadas un total de 13 mobilizacións en toda Galiza, que se realizarán de xeito simultáneo ás 12:00 horas, nos seguintes lugares:
- • Vigo: Cruce da Dobrada. Nesta manifestación participará a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.
- • A Coruña: Obelisco
- • A Guarda: Praza As de Copas
- • As Pontes: Entrada do Mercado Municipal
- • Burela: Praza do Concello
- • Cangas: Capela do Hospital
- • Carballo: Praza do Concello
- • Cee: Praza 8 de marzo
- • Compostela: Praza Roxa
- • Ferrol: Avenida Esteiro (local da CIG)
- • Lugo: Praza Maior
- • Ourense: Parque San Lázaro (local da CIG)
- • Pontevedra: Praza da Peregrina
A CIG tamén anima a participar nas mobilizacións que o feminismo galego convoque para a tarde de mañá sábado nas distintas localidades do país.
Segundo a CIG, no ano 2023, a fenda salarial en Galiza situouse no 18,4%, o que implica que, "de media, unha muller ingresou 4.687€ brutos anuais menos que un home. Os datos evidencian que o 10,7% sobre o 18,4% da fenda, se orixina na temporalidade e a parcialidade que caracterizan a contratación dos traballos que desempeñan as mulleres".
Tamén que estas formas de contratación precaria, lonxe de diminuír coa última reforma laboral, van en aumento. "Se as mulleres traballasen a tempo completo e durante todo o ano, a diferenza de salario entre mulleres e homes situaríase no 7,7%, segundo os datos da Axencia tributaria", sinala a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.
"Á temporalidade, baixo a forma agora das fixas descontinuas, e á parcialidade, hai que engadir a desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais, e que as mulleres son quen maior uso fan dos dereitos de conciliación", din.
COMISIÓNS OBREIRAS
Ás portas co 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, CCOO publica un informe sobre a desigualdade salarial. Un ano máis, o documento pon de manifesto a persistencia da fenda de xénero no mercado laboral galego. Malia os avances en materia de igualdade, a fenda salarial continúa afectando as mulleres en todas as etapas da súa vida laboral e na xubilación. "A situación de subordinación sociolaboral das mulleres perpetúa unha retroalimentación que converte a desigualdade en discriminacións", advirte o sindicato.
O informe revela que as mulleres galegas perciben un salario medio anual de 20 840 euros, fronte aos 25 527 euros dos homes, o que supón unha fenda salarial do 22,49 %. A situación agrávase na xubilación, onde a diferenza nas pensións ascende ao 31,72 %. En termos relativos, isto significa que as mulleres en Galicia traballan gratis arredor de 82 días ao ano en comparación cos homes, ou sexa, case tres meses.
Por isto, CCOO subliña que a loita pola erradicación da fenda salarial é unha "cuestión de xustiza social". O sindicato insiste en que, a pesar dos progresos logrados coa reforma laboral e a obrigatoriedade dos plans de igualdade, a desigualdade retributiva segue sendo unha realidade en Galicia.
A segregación laboral, a maior contratación temporal e a parcialidade involuntaria son algúns dos factores que manteñen a fenda salarial. No ano 2024, máis do 63 % dos contratos a tempo parcial foron asinados por mulleres, mentres que os contratos a tempo completo seguen altamente masculinizados.
Actos en que participará CCOO este 8M
- — A Coruña. O 7 de marzo, ás 11 horas, lectura do manifesto e ofrenda floral no monumento ás cigarreiras. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída do Obelisco e remate na praza das Cigarreiras.
- — Santiago. O 7 de marzo, ás 12 horas, lectura do manifesto diante do edificio dos sindicatos. O 8 de marzo, ás 18 horas, manifestación con saída da Praza 8 de Marzo.
- — Ferrol. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da praza de Amada García e remate na praza de Armas.
- — Lugo. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da Porta Falsa e remate no Concello.
- — Ourense. O 7 de marzo, ás 11 horas, lectura do manifesto diante do local sindical. O 8 de marzo, ás 19 horas, manifestación con saída da Subdelegación do Goberno e remate no Concello.
- — Vigo. O 6 de marzo, ás 11 horas, asemblea de mulleres. O 8 de marzo, ás 18 horas, manifestación con saída da praza dos Cabalos.
- — Pontevedra. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da Praza da Ferrería.