CCOO alerta do auxe da ultradereita e esixe á Xunta políticas ambiciosas ante os retos sociais e económicos

CCOO de Galicia conclúe a primeira xornada do seu 13.º Congreso Nacional cun informe crítico sobre a falta de avances sociais e o auxe da ultradereita. O sindicato reclama á Xunta medidas valentes ante o reto demográfico, a precariedade e a defensa dos servizos públicos.
CCOO
16 May 2025

A primeira xornada do 13.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia, celebrada este 15 de maio, concluíu coa aprobación do informe balance da Comisión Executiva Nacional saínte, que resume os desafíos e actuacións do sindicato desde 2021. Un mandato marcado inicialmente pola emerxencia pospandemia, que non trouxo a mellora social esperada, senón un escenario de auxe da ultradereita, ruído político, mentiras e desprezo polos dereitos civís.

CCOO denuncia que as transicións dixital e enerxética están a xerar máis exclusión e desigualdade debido á falta de planificación, especialmente en territorios afectados por proxectos sen consenso como o de Altri en Palas de Rei. O sindicato rexeita este modelo polo seu incumprimento dos principios das axudas europeas.

En clave galega, CCOO critica a falta de resposta da Xunta ante os principais retos sociais. A chegada de Rueda non supuxo cambios significativos respecto ao legado de Feijóo, manténdose os recortes nos servizos públicos, a precariedade nos coidados e un uso partidista dos fondos europeos.

O reto demográfico ocupa un lugar central no informe. O sindicato aposta por unha política pública de coidados que supere o modelo asistencial precario e feminizado, promovendo a corresponsabilidade e a dignidade laboral.

O documento recolle tamén o traballo de CCOO en negociación colectiva, acción sindical, saúde laboral, e políticas feministas e LGTBI+. Subliña a importancia de garantir unha transición ecolóxica xusta, feminista e inclusiva, e denuncia o debilitamento do diálogo social e a exclusión de sindicatos na toma de decisións.

Finalmente, a central chama a construír unha resposta firme ante o avance da ultradereita, apostando por fortalecer os servizos públicos e os dereitos sociais, laborais e democráticos.

⚙ Configurar cookies
0.098700046539307