Celeiro acollerá o primeiro Campionato Galego feminino M17 de rugby

O campo de Lavandeiras será escenario o 18 de abril dunha xornada que reunirá partidos de distintas categorías e presentará o novo uniforme do Astérix
Viveiro-primeiro-Campionato-Galego-feminino-M17-de-rugby-2026
1 Apr 2026

O campo de Lavandeiras, en Celeiro, converterase o vindeiro sábado 18 de abril nun punto de encontro para o rugby feminino galego coa celebración do primeiro Campionato Galego feminino M17. A cita, que dará comezo ás 12.00 horas, reunirá a xogadoras e equipos nunha xornada pensada para impulsar esta modalidade e visibilizar o seu crecemento en Galicia.

Ademais da competición principal, o programa inclúe tamén partidos de categorías inferiores, co obxectivo de converter o evento nunha auténtica festa do rugby feminino, aberta á participación e ao público. Desde a organización destacan a importancia de seguir fomentando o deporte base e de ofrecer espazos nos que as novas xeracións poidan medrar e gañar protagonismo.

No acto de presentación do campionato deuse a coñecer tamén o novo uniforme do club Astérix, que mantén as súas cores tradicionais, o vermello e o negro, e incorpora unha segunda equipación branca e azul inspirada na ría de Viveiro.

O club agradeceu o apoio das entidades e empresas colaboradoras que fan posible esta nova indumentaria. Entre elas figuran A Chabola, que continúa presente no pantalón; Nobe Enerxía, como patrocinador principal; e Conservera, Gráficas Lar e Montaxes Bidueiros, que aparecen nas mangas da camiseta. Tamén colaboran o Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

Como novidade destacada, a nova equipación incorpora por primeira vez o escudo da Unión do Norte Rugby, entidade coa que o Astérix compite xunto a outros clubs como o Muralla de Lugo, Fendetestas das Pontes e Capóns de Vilalba, reforzando así o traballo conxunto no desenvolvemento deste deporte na comarca.

0.33716797828674