Células inmunitarias do cerebro e a proteína RANK: un estudo do CNIO revela novos mecanismos da fertilidade

A investigadora do Instituto de Investigacións sanitarias de Santiago (IDIS) e profesora asociada do Departamento de Fisioloxía da USC, Cintia Folgueira, participa nun estudo do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) publicado na revista Science, que sostén que células do sistema inmunitario no cerebro participan activamente na maduración sexual. O vínculo principal identificado é a proteína RANK, coñecida polo seu papel no desenvolvemento mamario.
A investigación explica que a sinal que inicia a puberdade emana do hipotálamo, onde neuronas específicas liberan unha hormona que activa a hipófise, situada na base do cráneo. Esta, á súa vez, produce outras hormonas que desencadean a maduración das gónadas, os ovarios ou os testículos, configurando o eixo hipotálamo-hipófiso-gonadal, fundamental para alcanzar a fertilidade.
Ata agora considerábase que só as neuronas GnRH controlaban este proceso, pero o estudo do CNIO con modelos animais revelou a participación inesperada de dous elementos: a microglía, células defensivas do sistema nervioso, e a proteína RANK, esencial tamén na remodelación óssea e na función das glándulas mamarias.
“Este traballo mostra que a regulación da fertilidade é aínda máis complexa do que pensabamos. Identificar que células inmunitarias do cerebro, como a microglía, participan no control das neuronas que regulan a reprodución abre novas vías para entender como se inicia a puberdade e como se alteran estes procesos en certas enfermidades”, explica a lucense Cintia Folgueira.
O estudo está dirixido por Eva González-Suárez, xefa do Grupo de Transformación e Metástase do CNIO, quen xa en 2010 descubriu o papel de RANK no desenvolvemento do cancro de mama. O primeiro autor é Alejandro Collado, investigador do mesmo grupo e Folgueira destaca que o éxito da investigación reside na colaboración interdisciplinar: “Este estudo é un exemplo de como integrar neurociencia, endocrinoloxía e inmunoloxía permite abordar cuestións biolóxicas complexas e descubrir novos roles da microglía na regulación da fertilidade”.
O estudo utilizou modelos animais nos que se suprimiu a expresión de RANK. Nos exemplares que nacían sen RANK ou nos que se eliminaba antes da puberdade, observouse unha redución das hormonas sexuais e perda de funcionalidade das gónadas, un estado coñecido como hipogonadismo, que impide o desenvolvemento da puberdade. Nos animais adultos, a eliminación de RANK provocaba infertilidade en apenas un mes.
Para trasladar estes achados á especie humana, o equipo analizou mostras de pacientes con hipogonadismo hipogonadotrópico congénito, un síndrome pouco frecuente asociado ao atraso ou ausencia da puberdade e infertilidade. Os resultados identificaron mutacións no xene que codifica a proteína RANK en varios destes pacientes, suxerindo que este xene podería ser unha diana terapéutica e un candidato para o diagnóstico molecular deste síndrome.
A microglía, tradicionalmente coñecida por eliminar ameazas e moléculas inútiles no sistema nervioso, amósase agora como moduladora das neuronas GnRH mediante a expresión de RANK. González-Suárez subliña a relevancia deste descubrimento: “Encontrar células inmunitarias que non son neuronas regulando a fertilidade é un achado significativo”.
O estudo tamén abre a porta a investigar se mecanismos similares de regulación inmunitaria e RANK poderían actuar noutros eixos fisiolóxicos, como o control do apetito, a saciedade ou a resposta ao estrés, ampliando así o coñecemento sobre a interacción entre sistema inmunitario e funcións cerebrais complexas.