CHMS e Concello de Guitiriz únense para mellorar o sistema de saneamento

As actuacións inclúen a construción dun novo colector paralelo á vía do ferrocarril
firma-convenio-edar-guitiriz-chms
19 Feb 2025

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a alcaldesa de Guitiriz (Lugo), Marisol Morandeira, rubricaron esta mañá o Convenio de colaboración que posibilitará a construción dun novo colector que mellorará o sistema de saneamento do municipio.

O colector interceptor da rede de saneamento de Guitiriz, que discorre sensiblemente paralelo á vía de ferrocarril ata a súa chegada á EDAR, atópase en moi mal estado, o que provoca infiltracións de augas pola presenza de numerosas roturas.

Actualmente, as características do efluente e o seu caudal son o principal condicionante para o funcionamento da EDAR xa que os caudais de infiltración son tan elevados que xeran un efecto de dilución alto e como consecuencia, a EDAR ten que funcionar baixo uns parámetros moi afastados da situación proxectada, con sobrecarga hidráulica e unhas concentracións de contaminantes moi baixas.

As actuacións iniciaranse coa redacción dun proxecto no cal se definan e valoren os traballos necesarios para a renovación dun tramo do colector paralelo á vía do ferrocarril en Guitiriz.

As obras consistirán na execución dun novo colector sensiblemente paralelo á vía do ferrocarril que comezará nas proximidades do apeadeiro do ferrocarril en Guitiriz, ata o novo pozo de grosos, executado recentemente na entrada da EDAR, cunha lonxitude aproximada de 1500 metros.

O investimento total necesario para a actuación estimouse en 2.500.000 € que serán sufragados nun 95% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o 5% restante polo Concello.

“Estas actuacións mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual”, explicou o presidente.

“A colaboración entre Administracións é clave para avanzar en proxectos que melloren e preserven o medio ambiente, para un desenvolvemento máis sostible”, concluíu Quiroga.

0.13546204566956