Cidade de Lugo Fluvial lidera a Liga Nacional de Clubs de Dúatlon tras as tres primeiras xornadas

O club Cidade de Lugo Fluvial destacou nesta primeira fase ao conseguir o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint por Clubs e o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint 2x2
Liga Nacional de Clubs de Duatlon
4 Mar 2025

A pasada fin de semana, os días 22 e 23 de febreiro, celebráronse en La Nucía, Cidade do Deporte, as tres primeiras xornadas da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon 2025, co Campionato de España de Dúatlon SuperSprint por Clubs, o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint por Relevos Mixtos e o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint 2x2 en xogo.

Cidade de Lugo Fluvial, campión e líder da liga

O club Cidade de Lugo Fluvial destacou nesta primeira fase ao conseguir o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint por Clubs e o Campionato de España de Dúatlon SuperSprint 2x2, logrando así colocarse á fronte da Liga de Clubs tras as tres primeiras xornadas.

Pola súa parte, o Triatlón Inforhouse Santiago tamén competiu en Primeira División e ocupa o 11º posto na clasificación xeral despois destas primeiras probas.

Resultados en Primeira División Feminina

Na competición feminina, o Cidade de Lugo Fluvial logrou un terceiro posto na clasificación xeral ao final da competición en La Nucía. Tamén destacou a actuación de Sara Guerrero (AD Náutico de Narón), quen acadou a primeira posición na meta no Campionato de España SuperSprint por Clubs Feminino, sumando puntos clave para a clasificación xeral e situando ao AD Náutico de Narón na cuarta posición. O Triatlón Inforhouse Santiago feminino finalizou en 12ª posición tras as tres primeiras xornadas.

Actuación dos equipos galegos en Segunda División

En Segunda División, o Club Deportivo Delikia foi o club galego máis destacado, logrando situarse á cabeza da Liga de Clubs en Segunda División.

Tamén destacaron os bos resultados do AD Náutico de Narón e do Club Triatlón Ferrol masculino, que conseguiron a segunda e terceira posición na clasificación xeral do Campionato de España de Dúatlon por Clubs. O Club Triatlón Compostela tamén participou en Segunda División, finalizando no 14º posto da xeral.

Próxima cita: Avilés

A Liga Nacional de Clubs de Dúatlon 2025 continuará en Avilés, onde se disputarán a 4ª e 5ª xornada cos Campionatos de España de Dúatlon Contrarreloxo por Equipos e o Campionato de España de Dúatlon por Relevos, incluíndo tamén competicións na categoría talentos.

⚙ Configurar cookies
0.20949101448059