Cinco anos despois da pandemia, os autónomos continúan sen a mellora do cesamento de actividade

No quinto aniversario do inicio do confinamento pola pandemia da COVID-19, UPTA lembra o profundo impacto que a crise sanitaria tivo sobre os traballadores autónomos en España.
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, só en 2020 pecharon 311.259 negocios, fronte aos 278.525 que abriron, deixando un saldo negativo de 32.734 negocios menos. Máis do 90% destes eran pequenas empresas con entre un e cinco traballadores.
Durante este período, case un millón e medio de autónomos beneficiáronse da Prestación Extraordinaria por Cesamento de Actividade, un sistema de axudas clave para evitar a ruína económica de miles de traballadores por conta propia. Con todo, cinco anos despois, e a pesar das modificacións introducidas polo Real Decreto Lei 13/2022, o acceso a esta protección segue sendo moi difícil.
UPTA reclama cambios urxentes no sistema de protección dos autónomos
Desde o final do estado de alarma, UPTA insistiu na necesidade urxente de mellorar a protección social dos autónomos, equiparándoa á dos traballadores asalariados. Porén, estas demandas aínda non foron atendidas, o que deixa a moitos traballadores por conta propia en situacións de vulnerabilidade sen ferramentas para afrontar futuras crises ou imprevistos.
Por iso, UPTA reclama:
- Unha reforma real do sistema de cesamento de actividade, con criterios máis flexibles e un acceso máis sinxelo.
- A creación dun subsidio para autónomos maiores de 52 anos, esencial para aqueles que, tras pechar os seus negocios, non poden reincorporarse ao mercado laboral.
Exixencias de UPTA ao Goberno
Eduardo Abad, presidente de UPTA, advirte:
“Cinco anos despois da pandemia, os autónomos seguen sen unha protección social axeitada para afrontar futuras crises. É imprescindible que o Ministerio de Seguridade Social poña en marcha a reforma do cesamento de actividade e que se transforme nun auténtico mecanismo de protección. Ademais, esiximos ao Ministerio de Traballo que cumpra o seu compromiso e active de inmediato o subsidio para autónomos maiores de 52 anos.”