Comeza a funcionar no CIS de Lugo a unidade de radiodiagnóstico que atenderá a 15 concellos

A Unidade de Radiodiagnóstico do Centro Integral de Saúde de Lugo (CIS), situado no barrio da Residencia, comezará a funcionar este mes de febreiro. Este novo servizo atenderá os pacientes remitidos desde os centros de Atención Primaria da súa área de cobertura, sumándose ao servizo xa operativo na Praza do Ferrol. Segundo o Sergas, esta ampliación permitirá duplicar a capacidade asistencial na capital lucense, facilitando a realización dun maior número de placas -probas de radioloxía convencional- e reducindo os tempos de espera.
A Unidade está situada na planta principal do CIS e conta con instalacións modernas e funcionais, que inclúen varias salas e un equipo de radioloxía dixital de última xeración. As radiografías serán realizadas a pacientes remitidos desde os servizos de Atención Primaria de Lugo cidade, Baleira, Begonte, Castro de Rei, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guntín, Meira, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Pol, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Taboada.
A Xunta de Galicia investiu máis de 16 millóns de euros na construción deste moderno e funcional centro, inaugurado en novembro de 2023, que unifica nun mesmo edificio diversos servizos sanitarios. A posta en marcha da Unidade de Radiodiagnóstico completa a carteira de servizos prevista para este centro, no que xa funcionan un centro de saúde, o PAC de Lugo, 22 consultas de Saúde Mental, ademais das unidades de Farmacia, Odontoloxía e Saúde Bucodental, Fisioterapia-Rehabilitación e a central de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Estas instalacións, cunha superficie de 6.000 metros cadrados, ofrecen servizo a unha poboación de arredor de 200.000 habitantes.
A apertura desta nova sala permitirá reorganizar as axendas e redistribuír as probas de radioloxía simple solicitadas polos profesionais de Atención Primaria, reducindo ao máximo os tempos de espera. Só no pasado ano, no centro da Praza do Ferrol realizáronse 17.238 radiografías convencionais solicitadas polos facultativos de medicina de familia.
A partir de agora, os pacientes adscritos ás unidades de Radioloxía do CIS e da Praza do Ferrol poderán escoller a que centro acudir para a realización das súas probas radiolóxicas, segundo a súa preferencia.