Concello e Universidade de Vigo alíanse para impulsar a candidatura de Cíes a Xeoparque da Unesco

O Concello de Vigo e a Universidade rubricaron este xoves unha alianza para traballar conxuntamente na candidatura das Illas Cíes como Xeoparque da Unesco. O alcalde, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron o convenio de colaboración, acompañados dos coordinadores do Comité Científico da candidatura e parte do comité técnico.
O acordo, cun importe de 50.000 euros, permitirá que a Universidade realice os estudos técnicos necesarios que acrediten os valores singulares das Cíes como xeoparque. Caballero destacou que se trata dunha figura “recoñecida no mundo cunha grande importancia”, mentres que Reigosa subliñou o “compromiso claro” da institución académica, que conta con especialistas de prestixio internacional.
A colaboración abranguerá tanto o ámbito científico como o educativo e turístico. Impulsarase a campaña “Planeta Cíes Xeoparque”, que levará unha exposición itinerante con unidades didácticas aos institutos, e desenvolveranse novas rutas interpretativas e produtos turísticos ligados á ciencia e á natureza. O obxectivo é diversificar a economía local sen comprometer os ecosistemas, situando a ciencia, a accesibilidade universal e o xeoturismo responsable como piares da conservación das illas.