Convocada unha nova edición das axudas Leader ao desenvolvemento rural

As persoas beneficiarias son as entidades públicas de carácter local ou comarcal, persoas físicas e xurídicas e tamén as comunidades de montes
sementar-na-terra-agricultura-campo
2 Feb 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a maior convocatoria da historia das axudas Leader, dotada con 28,7 millóns de euros a distribuír entre o período 2026-2028. Trátase dunha convocatoria trianual, o que supón unha importante vantaxe para os promotores dos proxectos, que poderán desenvolver a súa iniciativa cunha maior marxe temporal. Estes fondos forman parte do orzamento total da intervención Leader no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), que ascende a 56,9 millóns de euros para todo o período.

As persoas beneficiarias destas axudas son as entidades públicas de carácter local ou comarcal, as persoas físicas e xurídicas e tamén as comunidades de montes en man común e as súas mancomunidades. A través deste orzamento, financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 80 %, poderán impulsarse iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e autoemprego, así como non produtivos que beneficien á poboación rural.

Así, poderán financiarse proxectos de carácter produtivo vinculados á creación, ampliación e modernización de Pemes, en ámbitos como o turismo, empresas prestadoras de servizos ou industrias, entre outros. Deste xeito apóianse tanto pequenas iniciativas de transformación e comercialización de produtos agrarios como establecementos de turismo rural ou restaurantes, pequenas industrias, talleres, perruquerías ou tendas de ámbito local. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e estará aberto durante dous meses, ata o seis de abril.

Bono activa rural

Nesta convocatoria segue a dispoñerse do Bono activa rural como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa beneficiaria durante polo menos cinco anos, contados dende a data da alta censual.

Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorren cos demais proxectos de natureza produtiva que se presentan ao abeiro das diferentes convocatorias.

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000,00 €.

Ligazón á resolución no DOG.

⚙ Configurar cookies
0.32043313980103