Convocan as indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras destas achegas, establecendo un prazo para presentar solicitudes ata o 28 de novembro
morro-cerdo-sacrificio-animal
15 Jan 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2025. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o 28 de novembro de 2025.

A Xunta destina este ano un total de 1.387.330 euros a estas achegas, ás que poderán acceder as persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de perineumonía contaxiosa bovina, tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén, de animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Así mesmo, contémplanse as aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de Salmonella, ou aquelas aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra doenza declarada oficialmente.

Enfermidades porcinas

Do mesmo xeito, a orde refírese aos porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente. Asemade, inclúense os visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

Os animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente tamén entran no marco desta orde.

As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia e, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (Rega).

As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais (establecidos para as indemnizacións por sacrificio obrigatorio por motivos de sanidade animal), ou segundo os valores unitarios dos animais recollidos nos diferentes plans de seguros agrarios combinados (para os efectos do cálculo das súas contías de indemnización), aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A orde pode consultarse nesta ligazón

0.13421893119812