Culleredo acolle este domingo o XXVII Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia

O Paseo da Ría do Burgo será este domingo 15 de xuño o escenario do XXVII Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia, unha cita competitiva e solidaria que reunirá a máis de 100 deportistas con discapacidade intelectual procedentes de toda Galicia. O evento está organizado pola asociación Special Olympics Galicia coa colaboración do Concello de Culleredo, FADEMGA Galicia e Aspronaga.
Na presentación oficial, participaron o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o presidente de Aspronaga, Nicanor Álvarez; o responsable autonómico do Servizo de Deportes na Coruña, Roberto García; e dous dos deportistas que competirán na proba: Pedro Suárez e Laura Martínez.
En total, o maratón contará coa participación de 104 deportistas, acompañados por 27 adestradores, 33 voluntarios e 10 persoas da organización, o que eleva a 173 o número de persoas implicadas directamente na xornada. Os participantes proceden de 11 entidades sociais distintas de toda a comunidade.
O alcalde José Ramón Rioboo salientou que “é todo un orgullo para o noso concello, onde apostamos e traballamos pola inclusión real e a igualdade de oportunidades para todos e todas”. Ademais, quixo agradecer “todo o traballo que realizan asociacións como as aquí presentes, cuxa labor é imprescindible na nosa sociedade”.
Pola súa banda, Eladio Fernández quixo poñer en valor a colaboración institucional e dixo que “a implicación municipal facilita moito a nosa labor e iso poderase ver reflectido este domingo, cando se realizará esta proba na que esperamos que todos os participantes disfruten dunha gran xornada”.
Programa completo da xornada
O evento comezará ás 10.45 horas co acto inaugural, que incluirá un desfile dos deportistas participantes. A partir das 12.00 horas darán comezo as carreiras, repartidas en diferentes distancias (3.000, 1.500, 800 e 300 metros) segundo as capacidades físicas e coñecementos de cada participante. Estímase que as probas rematen arredor das 14.20 horas.
Unha vez finalizadas as competicións, terá lugar a entrega de medallas e trofeos, nos que tamén se recoñecerán valores como o xogo limpo, o respecto ás normas e a deportividade. Como colofón, está prevista unha comida de convivencia ás 15.00 horas e unha última sesión de actividades entre as 16.00 e as 16.30 horas.
A cita busca visibilizar o talento das persoas con discapacidade intelectual no ámbito deportivo e fomentar espazos de inclusión e igualdade real na sociedade galega.