Culleredo acollerá o 27º Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia

Unha xornada pensada para promover a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte
cull-maraton
22 May 2025

O Paseo do Río do Burgo, en Culleredo, converterase o domingo 15 de xuño no escenario do 27º Maratón Autonómico Urbano organizado por Special Olympics Galicia. Trátase dunha xornada marcada pola competición deportiva e a solidariedade, pensada para promover a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte.

A cita, que conta co apoio do Concello de Culleredo, FAEMGA Galicia e a Asociación Aspronaga —promotora do evento— reunirá participantes chegados de distintos puntos de Galicia. A proposta busca adaptar a carreira ás capacidades de cada persoa, ofrecendo catro distancias diferentes: 3.000 metros, 1.500 metros, 800 metros e 300 metros.

Aínda que os horarios son provisionais, agárdase que o acto inaugural teña lugar arredor das 10.45 horas. A competición comezará ás 12:00 co percorrido de 3.000 metros. De seguido, ás 12.15, será a quenda dos 300 metros, ás 12:45 disputarase a proba de 800 metros, e finalmente ás 13.30 arrancará a carreira dos 1.500 metros. O acto de clausura está previsto para as 14.20, mais a xornada continuará cunha comida ás 15.00 horas e actividades complementarias pola tarde.

A organización do evento foi definida nunha reunión celebrada esta semana entre representantes do Concello e das entidades implicadas. Participaron o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; Antonio Naya, en representación de Aspronaga; e Eunice Mosquera, directora técnica de Special Olympics. Nese encontro pecháronse os últimos detalles relativos á coordinación, loxística, agasallos conmemorativos e demais aspectos da xornada.

O alcalde José Ramón Rioboo subliñou a importancia de contar con iniciativas deste tipo no municipio: “Queremos agradecer o traballo que fan asociacións como Special Olympics Galicia. É un orgullo para Culleredo acoller este maratón, que reflicte o noso compromiso coa inclusión real e coa igualdade de oportunidades para todas as persoas”.

⚙ Configurar cookies
0.10122513771057