Cuntis, Santiago, Ourense e Teo acollen obradoiros polos Días Europeos da Artesanía

En total, estanse a desenvolver máis dun cento de propostas en distintos puntos da comunidade ata o 12 de abril
artesania-cuntis
10 Apr 2026

A Xunta de Galicia continúa a impulsar a celebración dos Días Europeos da Artesanía cun amplo programa de actividades en distintos puntos da comunidade. Neste marco, Cuntis, Santiago de Compostela, Ourense e Teo acollen distintos obradoiros co apoio do Goberno galego, que apoia máis dun cento de propostas de divulgación dos oficios artesanais entre os días 7 e 12 de abril.

No marco desta programación, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este xoves un obradoiro de estampaxe téxtil na tenda Amodo, en Ourense. A actividade, impartida por Xiana Cobo, forma parte dunha oferta máis ampla que inclúe tamén iniciativas vinculadas á encadernación, á cestería e a distintas técnicas de estampaxe.

Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, desprazouse ata Cuntis para coñecer de primeira man as propostas organizadas pola Fundación Terra Termarum Castrolandín. Neste espazo estanse a realizar demostracións de cerámica ao longo de toda a semana, ás que se sumarán obradoiros de iniciación previstos para os días 10 e 11 de abril.

Pola súa banda, na capital galega Fabeiro achegouse ás actividades promovidas por Creativas Galegas, onde se están a desenvolver distintos talleres relacionados coa xoiería, a bixutería, o coiro, o alambrismo ou a calceta, entre outras disciplinas. Ademais, tamén está programada unha demostración de encadernación.

En Teo, a responsable da fundación visitou as propostas da Asociación Cultural de Artesanía Arteneo, que inclúen obradoiros como o de carpintería e o de xoiería en filigrana, así como outras actividades centradas no téxtil, a decoración ou a elaboración de instrumentos tradicionais.

Con este conxunto de iniciativas, a Xunta busca achegar os oficios artesanais á cidadanía, poñendo en valor o traballo dos profesionais do sector e fomentando o coñecemento e a transmisión destas técnicas tradicionais.

0.30358290672302