Curtocircuíto transfórmase en festival de verán e volve ás rúas de Santiago en xullo

A vixésimo segunda edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebrarase do 1 ao 6 de xullo cun novo modelo que aposta pola accesibilidade, a creación de comunidade e o cinema como acto colectivo.
curtocircuito
2 May 2025

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, celebra a súa vixésimo segunda edición cun cambio de rumbo que inclúe un adianto de datas e unha aposta firme pola presenza nas rúas e prazas da cidade. O certame desenvolverase entre o 1 e o 6 de xullo, converténdose así nun festival de verán que busca achegar o cinema a toda a cidadanía.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou que esta edición supón unha aposta pola creación de comunidade e o pensamento crítico, con especial atención á accesibilidade e ao carácter colectivo do cinema. O director artístico, Pela del Álamo, sinalou que “devolver Curtocircuíto ao seu formato orixinal é un bonito reto que sen dúbida abrirá o festival a un público máis diverso”.

O novo modelo recupera a identidade inicial do festival, afastándose das dinámicas de competición e priorizando o intercambio entre artistas e cidadanía. O cinema nas rúas, nas prazas e nos espazos históricos de Compostela como a Praza da Quintana ou a Praza de Praterías, converterase en eixo dunha programación que manterá as seccións Planeta GZ, Supernova e Cosmos, pero centrada máis na reflexión e o encontro que na competición.

A programación complementarase coa presenza nas sedes habituais como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a Facultade de Psicoloxía.

Curtocircuíto Campus: formación e novos públicos

A formación seguirá a ser un dos piares do festival a través do programa Curtocircuíto Campus, que entre o 5 e o 13 de maio ofrecerá actividades de alfabetización audiovisual dirixidas a público infantil, escolar, universitario e profesional. Cada ano, máis de 2.000 estudantes participan nestas propostas.

A programación educativa estará dividida nas seccións Teenage Riot e Criaturas (co apoio de Deleite), e incluirá tamén Satélite FÄCOM, en colaboración co Club de Cinema FACOM e a Facultade de Ciencias da Comunicación, así como a Cátedra Cruz Vermella-USC, centrada este ano nos aspectos positivos do envellecemento.

Ademais, realizarase unha nova Residencia Artística sobre fotografía, coa colaboración de Cafés Candelas e a USC, e recuperarase a Sección Canteiras, que promove a alfabetización audiovisual entre o estudantado.

Curtocircuíto consolídase así como un punto de encontro interxeracional e multicultural, cunha proposta que busca descentralizar a cultura, dinamizar o espazo público e facer do cinema un acto colectivo ao alcance de toda a sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.11620712280273