Denuncian a falta de prazos para rematar a A-54 e a limitación de velocidade en varios tramos

Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, denuncian que “o Goberno de Sánchez non dá un prazo definitivo para rematar a estrada A-54 que unirá Santiago con Lugo e non foi capaz de cumprir ningún dos prazos prometidos para finalizar esta autovía", o último deles superado o verán pasado, cando o ministro prometera e incumpriu completar a vía que conectará a capital da provincia coa de Galicia.
No pasado mes de decembro, o ministro de Transportes y Movilidad, Óscar Puente, ratificara a previsión de que a autovía estaría finalizada en 2025, asegurando que “en 2025 no será necesario escribir ninguna carta a los Reyes Magos, Galicia va a gozar pronto de más tramos de estrada”. Porén, agora o cumprimento deste prazo non está tan claro.
Ademais, o Goberno central non contempla aumentar a limitación de velocidade a 120 km/h en varios tramos actualmente reducidos a 100 km/h. Segundo os populares, a resposta do Executivo limítase a indicar que esta restrición “se deriva da normativa vixente de trazado do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, non é unha medida da Dirección General de Tráfico (DGT)”.
O PP sinala tamén que o Goberno non aclara se ten previsto realizar obras ou correccións no trazado para recuperar unha autovía “con plenas capacidades”, o que, ao seu xuízo, evidencia “falta de vontade e conformismo” do Ministerio, xerando malestar e incomprensión entre os usuarios que utilizan habitualmente esta vía.