Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio son as finalistas para ser Palabra do Ano 2025

“Desfeita”, “foliada”, “loia”, “lume”, “retrinco” e “xenocidio” son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2025. Tras a fase de recolla de suxestións entre o público, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe, a través do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), a votación telemática popular que decidirá cal é a gañadora. Todas as persoas que desexen participar nesta iniciativa poderán facelo ata o domingo 21 de decembro ás 23:59 horas. Os vocábulos finalistas representan dalgún xeito distintos asuntos que marcaron a actualidade dos últimos meses, tanto a nivel local como global; e reflicten a inquedanza social ante a crecente vulneración dos dereitos humanos ou a ameaza dos grandes incendios forestais, mais parte deles tamén lles dan cabida ás necesarias esperanza e alegría.
Fronte a neoloxismos de previsible vida efémera e os estranxeirismos que se multiplican para designar involucións e desastres varios, entre as voces finalistas figura o nome común desfeita, unha palabra patrimonial comodín que segue a estar ben viva na fala. Na súa primeira acepción no Dicionario da Real Academia Galega, quere dicir “grave dano, destrución, estrago”. Fórmase a partir da substantivación do participio do verbo desfacer, que ten, entre outros significados, o de “destruír [algo] totalmente” ou “facer que [algo] deixe de existir”; e componse do prefixo des-, que posibilita a formación de palabras co significado de ‘privación’ ou ‘negación’, aplicado ao verbo facer, que procede do latín facĕre.
Un tipo de desfeita podería considerarse a proliferación de loias, loanzas enganosas ou aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso. Igual cá súa irmá loiadas, esta palabra adquiriu na actualidade a acepción neolóxica que se refire ás informacións falsas divulgadas a través de medios electrónicos, xeralmente co fin de desinformar. Ambas as dúas voces son variantes que derivan da mesma raíz latina laudāre ‘alabar’ e son solucións de noso para evitar o innecesario anglicismo fake news.
Entre as máis propostas polos seareiros do Portal das Palabras, aparece outra palabra patrimonial, lume. Procedente do latín lūmen, -ĭnis onde significaba ‘luz’, ‘resplandor’, reflicte a preocupación que xerou en Galicia a vaga de incendios forestais do pasado verán que, nun contexto de cambio climático, constata o agravamento dun fenómeno con grande impacto para o territorio.
Ollando en clave universal, o público do Portal das Palabras destacou tamén na primeira fase da campaña xenocidio, o termo que se refire á “exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos”, e que cada vez máis voces da escena internacional empregan para designar o masacre que está a perpetrar Israel en Gaza. Fórmase a partir do grego xeno- ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina –cidio ‘matar’.
Pero no 2025 non todo foi aciago. Volvendo á terra, a celebración das Letras Galegas da poesía popular oral e as cantareiras, ás que se lles dera a benvida anticipada converténdoas na Palabra do Ano 2024, deixou un regueiro de propostas na primeira fase da campaña. A máis repetida foi foliada, “reunión nocturna de xente para divertirse, cantar e bailar” ou “diversión buliciosa en que participa un grupo de persoas”, segundo recolle o noso dicionario. O vocábulo transmite así en sete letras o moito que presta compartir en comunidade os versos centenarios creados polo pobo a través da música e a danza, e funciona tamén como unha sorte de sinónimo do xenérico festa. Aínda que en galego para esta segunda acepción contamos cunha morea de sinónimos que fan que preste máis, que lle engade intensidade, dende ruada e xolda a pándega, rexouba ou esmorga. Canto á súa orixe, foliada lévanos ao occitano antigo folia, que significaba loucura e que, á súa vez, remitía ao latín follis ‘bolsa’ ou ‘saco’, ‘oco’, ‘cabeza’ ou ‘tolo’.
O que vai rematando foi así mesmo o Ano Castelao. Ao rianxeiro máis universal remite a palabra retrinco, que o autor empregou en plural para titular o libro de relatos que publicou por primeira vez en 1934. O Dicionario defínea como “cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala, en especial dunha tea cando se vai confeccionar unha peza de roupa” e tamén como “espazo moi breve de tempo”. Pero na era dos reels e clips, retrinco ben podería emerxer ademais como unha alternativa propia para nomear os triscos de realidade, verdadeira ou ficticia, que captan a nosa atención a través das pantallas.
Do Portal das Palabras ao Ximnasio Léxico
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié colaboran en distintos proxectos para o estudo e a divulgación do léxico da lingua galega. A aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS, é unha das últimas propostas, que se suma aos contidos que ofrecen a través do Portal das Palabras. Esta web ofrece cada semana xogos e outros contidos que conectan o idioma coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
O Portal das Palabras convida ademais todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano desde 2014. Nas edicións anteriores resultaron gañadoras cantareira (2024), cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).