Persoal do IES Daviña Rey de Monforte pechouse este martes para reclamar melloras no ensino

Os peches producíronse tamén noutros centros de Vigo, Pontevedra e A Coruña
peche-profesororad-monforte
28 Jan 2026

Profesorado de varios centros de ensino da Coruña, Vigo, Pontevedra e Monforte pechouse este martes para reclamar melloras no ensino público.

As reivindicacións forman parte dunha serie de protestas más amplas que afectarán a un total de 15 centos de ensino, organizadas pola CIG-Ensino e STEG, e que se desenvolverán ao longo de dúas semanas co obxectivo descentralizar o conflito laboral que manteñen coa Consellaría nos propios centros educativos.

Con estas protestas, o persoal docente busca ser escoitado por parte do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, despois de cinco xornadas de manifestacións nas que non se tivo reposta por parte dos representantes da Xunta.

As protestas producíronse no CEIP Concepción Arenal da Coruña, o IES Politécnico de Vigo, o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e o IES Daviña Rey de Monforte, nos que se levaron a cabo asembleas para debater sobre a folla de ruta a seguir nos vindeiros días.

As protestas do profesorado comezaron xa no primeiro trimestre do curso, con mobilizacións que levaron á convocatoria de 5 días de folga, marchas fúnebres, manifestacións e o enterro simbólico do ensino público, así como seis peches en varios centros, que contaron cun gran respaldo por parte do persoal.

A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Laura Arroxo, explicaba dende A Coruña que "o obxectivo desta medida é chamar a atención ante o desprezo da Consellaría que segue sen atender a voz maioritaria do profesorado galego, representada polas dúas organizacións sindicais que lideran as mobilizacións desde comezos de curso". Ademais, pretenden facer un chamamento ás familias e ao alumnado para que se sumen a estas reivindicacións.

Entre as principais carencias do ensino, sinala Arroxo, están a falta de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou persoal orientador, o que evidencia “a gran carencia nestes momentos no sistema educativo galego que obriga aos centros a decidir que alumnado se atende e cal non”. “Cando non se autorizan desdobres nin se cumpren raquíticas medidas incluídas no acordo de melloras, ampliando as ratios por riba do permitido ou agrupando varios niveis por riba do incluído tamén no acordo de agrupamentos, o que sae perdendo é alumnado máis vulnerábel, a igualdade de oportunidades e unha sociedade máis xusta. Estamos aquí para evidenciar que a atención á diversidade é unha prioridade”, explica.

⚙ Configurar cookies
0.25413084030151