Durante esta fin de semana celebráronse as probas de oposición para cubrir 236 prazas en sete categorías profesionais do Servizo Galego de Saúde, con preto dun 70 % de participación nas quendas deste domingo.

O Recinto Feiral Internacional de Silleda acolleu esta fin de semana os exames da fase de oposición para o acceso a sete categorías profesionais do Sergas. En total, estaban convocadas 4.136 persoas que optan a 236 prazas mediante o sistema de concurso-oposición.
Durante a xornada do domingo celebráronse probas correspondentes a 146 prazas, das cales 16 pertencen á categoría de técnico superior en dietética, 9 ao grupo técnico da función administrativa e 121 á categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.
Segundo datos da Consellería de Sanidade, na quenda de tarde a participación acadou o 70,99 %. Destacou especialmente a categoría de técnico superior en dietética, cun 81,01 % de participación (337 persoas de 416 convocadas). Pola súa banda, ao exame de grupo técnico da función administrativa presentáronse 221 aspirantes dos 370 convocados, o que supón un 59,73 %.
Pola mañá, a categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico rexistrou unha participación do 84,63 %.
Inclusión e accesibilidade
O Sergas volveu garantir a adaptación das probas ás persoas con necesidades especiais. Habilitáronse espazos para nais lactantes, mesas adaptadas para persoas con mobilidade reducida e follas de maior tamaño para aspirantes con discapacidade visual.
Un dos casos destacados foi o dunha aspirante con cegueira total, que puido realizar o exame grazas á colaboración da ONCE e á instalación dun programa de lectura nun ordenador da Consellería de Sanidade, cun tempo ampliado e nunha sala específica.
A Xunta agradeceu a colaboración do persoal do Sergas, Garda Civil, Policía Nacional, Protección Civil, 061 e a Fundación Semana Verde para o desenvolvemento destas probas.