Educación non convocará o concurso de prazas de atención preferente para o vindeiro curso

A CIG-Ensino denunciou hoxe que a Consellaría de Educación non convocará este ano o concurso específico de prazas de atención preferente, co que se cubren históricamente as necesidades do alumnado con necesidades educativas graves e permanentes. Segundo a inspección educativa, o profesorado actualmente adscrito a estas prazas verá prorrogado o seu destino un curso máis, pero non se creará nin unha soa praza nova, o que deixará sen cobertura as novas demandas.
As prazas de atención preferente permiten dotar os centros de profesionais con formación especializada en atención temperá, pedagoxía terapéutica (PT) e audición e linguaxe (AL). A CIG-Ensino advirte de que, se non se compensa esta renuncia con un incremento sustancial de prazas provisionais ou definitivas, a decisión suporá unha regresión nos dereitos do alumnado máis vulnerable e unha precarización do profesorado: serán cubertas con vacantes imposicionais de duración unicamente anual e sen garantía de perfil axeitado.
No curso 2024-25 ofrecéronse 162 prazas, moitas cun perfil moi concreto. Agora, esas vacantes non só deixan de crecer senón que non se asegura a continuidade do profesorado nin o mantemento da especialización, comprometendo a inclusión e o éxito educativo do alumnado con necesidades.
A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación:
Convocar inmediatamente o concurso de prazas de atención preferente para 2025-26.
Crear novas prazas de PT e AL con carácter definitivo segundo as necesidades reais dos centros.
Asumir un compromiso real coa educación inclusiva, conforme á normativa vixente e aos principios dun sistema público equitativo.