Entregadas as bolsas de estudos Tomás Notario Vacas da Fundación Caixa Rural Galega

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas fixo entrega das bolsas de estudos de posgraduado dotadas economicamente coa totalidade do custo da matrícula e aloxamento durante os meses que dure o máster no país de destino.
O acto, que tivo lugar na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, contou coa presenza do presidente da Fundación D. Tomás Notario Vacas, o vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega D. Manuel Varela López, ademais de D. Salvador Diz Cerviño e Antonio Riveira Requeijo, membros do padroado da Fundación, así como as dúas beneficiarias das bolsas acompañadas de familiares.
No acto interviñeron o presidente e o vicepresidente da Fundación e ambos destacaron que a concesión destas bolsas é un orgullo para a Fundación e supoñen unha oportunidade para as nosas novas promesas para seguir progresando e profundando no coñecemento nun mundo cada vez máis globalizado, interconectado e competitivo. O obxectivo, en definitiva, é o de contribuír a que os nosos mozos teñan a oportunidade para seguir formándose, de perseguir a excelencia co propósito de que poidan con iso contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia.
De igual maneira, ambos coincidiron para animar ás beneficiarias desta cuarta edición a aproveitar esta experiencia o máximo posible, tanto no ámbito educativo como no persoal, considerándoas ademais embaixadoras da Fundación.
Pola súa banda as seleccionadas agradeceron o labor da Fundación e a oportunidade brindada de continuar a súa formación no estranxeiro, así como expresaron o seu compromiso de aproveitar a experiencia o máximo posible.
Nesta ocasión as bolsas foron concedidas ás graduadas da Universidade de Santiago de Compostela Paula Gómez García, que realizará un máster en ciencia biomédica na Universidade do Oeste de Inglaterra, Bristol (Reino Unido), dun ano de duración, e Alejandra Rechoy Moledo, que realizará un máster en ciencia animal na Universidade de Turín (Italia), de dous anos de duración.
A Fundación nace co firme propósito de contribuír a que a nosa terra sexa cada día un lugar mellor, cuxa finalidade será promover a investigación e a educación, prestando atención especial ao sector agroalimentario e forestal, e tratando de que quen impulse este coñecemento poidan apoiarse nunha situación que lles poida facilitar medios necesarios para conseguilo.