Entregadas preto de 25.000 sinaturas da ILP “Liberemos a Galega” para democratizar a CRTVG

A ILP "Liberemos a Galega" supera amplamente as sinaturas necesarias e abre o camiño para debater no Parlamento unha nova CRTVG independente, plural e ao servizo da cidadanía.
Registro Firmas
27 Apr 2025

As organizacións promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Liberemos a Galega” entregaron esta mañá 23.854 sinaturas no rexistro do Parlamento de Galicia, case triplicando as 10.000 esixidas legalmente e recollidas en apenas seis meses. Esta mobilización cidadá permitirá debater nas vindeiras semanas unha proposta para transformar a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) nun servizo público independente, plural e democrático.

Tereixa Navaza, portavoz da iniciativa, afirmou que a CRTVG debe liberarse do “secuestro” ao que, segundo as organizacións impulsoras, está sometida por parte do actual Goberno galego do Partido Popular. Denuncian que a dirección da compañía pública actúa ao servizo dos intereses partidistas, comprometendo a veracidade e pluralidade informativa e afastándose da realidade social, cultural e económica do país.

A ILP recolle propostas para garantir a obxectividade, imparcialidade, pluralismo e independencia da CRTVG. Entre os seus obxectivos están recuperar a cobertura territorial e as desconexións locais, promover a cultura e a lingua galega, fomentar a igualdade e a diversidade, fortalecer a programación infantil e xuvenil, e garantir recursos suficientes e transparencia na produción audiovisual.

As organizacións promotoras fixeron un chamamento á sociedade e ao Parlamento para que se abra un debate real sobre o modelo de medios públicos que necesita Galicia. A ILP “Liberemos a Galega” defende unha CRTVG ao servizo do pobo galego, cun compromiso firme coa democracia, a cultura e os dereitos sociais.

⚙ Configurar cookies
0.06563401222229