Éric Igual asina unha vitoria de prestixio para Picusa Academy no Trofeo Víctor Cabedo

O ciclista do conxunto galego impúxose na contrarreloxo individual da segunda xornada e é o novo líder da challenge castellonenca.
Eric Igual
18 Mar 2025

Segundo fin de semana consecutivo con vitoria e podios para Picusa Academy. O triunfo do anterior domingo no Circuíto Teense tivo continuidade sete días despois nunha prestixiosa proba da categoría júnior. Éric Igual marcou o mellor tempo na contrarreloxo individual do Trofeo Víctor Cabedo e asaltou o liderado da challenge castellonenca. Ademais, o conxunto galego brillou colectivamente na Challenge Comarcas Leonesas co segundo posto na xeral de José Salgueiro e a terceira posición de Adrián Prieto na xornada inaugural.

O Trofeo Víctor Cabedo consta de catro carreiras dun día repartidas en dous fins de semana e dispútase por puntos/posicións, non por tempos. A primeira proba, celebrada o sábado en Càlig, resolveuse con Éric Igual ocupando a sexta posición. Ao día seguinte, o domingo en Alqueries del Niño Perdido, o ciclista valenciano exhibiuse na crono de 4,8 quilómetros. Venceu con 6 segundos de vantaxe respecto a Ricardo Giner (Team Polti) e pasou a liderar a xeral a falta de dúas etapas, fixadas para o 29 e 30 de marzo.

A outra cita do calendario estatal que contou coa presenza do equipo galego, a Challenge Comarcas Leonesas, arrancou o venres cunha sensacional actuación coral dos corredores de Picusa Academy. Ata tres compañeiros de equipo metéronse entre os cinco primeiros da contrarreloxo celebrada na Bañeza. Rodando pola súa localidade natal, Adrián Prieto logrou a terceira posición, igualado a tempo co porriñés Rodrigo García, e 3 segundos máis investiu o portugués José Salgueiro. Dentro do top-10 tamén concluíu o santiagués Diego López, oitavo.

O segundo trofeo desta challenge viviu o sábado unha chegada masiva a Valdefresno que non provocou cambios na xeral. Pola contra, si que se estableceron diferenzas o domingo no Memorial Chely Álvarez. José Salgueiro formou parte do quinteto que se xogou o triunfo parcial en Bembibre. O ciclista luso cruzou a liña de meta en cuarta posición e escalou ata o segundo posto na xeral da challenge, quedando a 14 segundos do gañador final, Benjamín Noval (MMR).

Atravessando un excelente momento de resultados, Picusa Academy desprazarase a próxima fin de semana a Montemayor (Córdoba). Alí participará o domingo na segunda proba da Copa de España Júnior.

⚙ Configurar cookies
0.11406016349792