Éric Igual proclámase campión do mundo júnior de Puntuación en Appeldorn

Un corredor que cumpre a súa segunda tempada no conxunto galego Picusa Academy fixo historia este venres para o ciclismo estatal. Éric Igual proclamouse campión do mundo júnior de Puntuación, logrando así a primeira medalla de ouro para a selección española no Campionato do Mundo Júnior de Pista que se está a disputar nos Países Baixos.
O ciclista valenciano, que xa amosara o seu talento nos días previos no velódromo de Appeldorn, atopou na terceira xornada a recompensa. A proba de Puntuación, considerada a carreira raíña do ciclismo en pista, contou con 100 voltas ao velódromo (25 quilómetros) e dez esprints puntuables. Igual xogou as súas cartas con intelixencia: reservou forzas no inicio e atacou no momento clave, conseguindo unha volta de vantaxe xunto ao alemán Mauss.
A carreira mantívose igualada ata o derradeiro esprint, con catro corredores en loita polas medallas. O ciclista de Llíria chegou como líder e rematou cunha remontada decisiva que lle deu o triunfo final con nove puntos de marxe sobre Mauss e dez respecto ao bielorruso Slesarenko.
Este éxito súmase á quinta posición obtida o xoves na proba de Scratch, onde quedara ás portas do podio, e á súa participación o mércores na Persecución por Equipos, batendo o récord de España júnior cun tempo de 4:01.632.
Con só 18 anos, Igual tamén brilla na estrada co Picusa Academy, rematando segunda na xeral da Copa de España e sumando tres triunfos esta tempada. Consolidase así como unha das grandes promesas do ciclismo español.