Escolares de Vilagarcía participan en Xogaloita, unha iniciativa para descubrir as loitas olímpicas de xeito lúdico e seguro

A actividade Xogaloita, dirixida a escolares de primaria, achega as loitas olímpicas de forma lúdica e educativa, cun formato de competición por equipos mixtos en probas de oposición e derribo controlado.
XogaLoita
8 May 2025

A actividade Xogaloita, centrada na promoción das loitas olímpicas entre o alumnado de educación primaria, desenvolveuse con gran éxito en Vilagarcía de Arousa. A proposta combinou seis xogos de oposición directa nos que nenos e nenas competiron en equipos mixtos, demostrando forza, habilidade e destreza, finalizando cunha loita controlada de xeonllos, cunha técnica de derrubo sinxela e segura.

A actividade realizouse sobre tres tatamis acolchados, específicos para a práctica de loitas olímpicas, garantindo a seguridade de todos os participantes nun contorno adaptado e profesional. O obxectivo principal era ofrecer unha experiencia nova, motivadora e educativa, tanto para o alumnado como para o profesorado dos centros implicados.

Participaron os seguintes centros educativos:

  • CEIP Piñeiriño

  • CEIP Rubiáns

  • CEIP Carril

  • CEIP Escardia

  • CEIP Filipenses

  • CEIP Lomba

  • CEIP Arealonga

  • CEIP Franciscanas

A organización agradeceu o apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a través da Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais, pola cesión da instalación, así como ao Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte, pola coordinación cos centros escolares.

Xogaloita demostrou ser unha actividade inclusiva, formativa e divertida, coa que moitos nenos e nenas descubriron por primeira vez as loitas olímpicas, un deporte que combina valores como o respecto, a igualdade e o compañeirismo.

⚙ Configurar cookies
0.11684703826904