Estabilizado o incendio de Pantón despois de cinco días de loita contra o lume

O gran incendio forestal que comezou o pasado xoves 18 de setembro na parroquia de Pombeiro, en Pantón, quedou estabilizado este luns pasadas as 19:00 horas despois de máis de catro días. As lapas arrasaron unhas 2.000 hectáreas e chegaron a entrar tamén no concello de Sober, segundo os datos provisionais.
Durante varios días mantívose activada a Situación 2 de emerxencia, sobre todo tras a complicada xornada do venres, cando o lume alcanzou as aldeas de Acedre e Budián. Alí arderon sete casas, a maioría abandonadas ou de segunda residencia. A pesar da gravidade, non houbo que lamentar danos persoais e as persoas evacuadas puideron regresar ás súas vivendas o domingo.
Para controlar as lapas mobilizáronse, de maneira acumulada, 24 técnicos, 156 axentes ambientais, 182 brigadas, 116 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Tamén interveu a Unidade Militar de Emerxencias (UME), sumándose ao dispositivo despregado pola Xunta.
Unha vez estabilizado, os esforzos céntranse agora en consolidar o perímetro e apagar os puntos quentes para evitar reproducións nas próximas horas.