Estudantes do Colegio Hogar Afundación retiran 270 quilos de lixo mariño e flora exótica invasora do areal de Cesantes

Nunha actuación similar realizada polo mesmo centro o pasado ano xa conseguiran retirar máis de 160 quilos de lixos e invasoras
Máis de 50 persoas, entre estudantes e profesores do Colegio Hogar Afundación, participaron hoxe nunha xornada de voluntariado ambiental no areal de Cesantes, en Redondela, onde, divididos en grupos, lograron retirar preto de 270 quilos de flora exótica invasora e lixo mariño.
Os participantes atoparon, por unha banda, residuos relacionados cos cultivos mariños e a pesca, como restos de plásticos das bateas, pequenos anacos de sedelas, cabos e cabiños, nasas, boias e fragmentos de poliespán, entre outros. Tamén retiraron residuos alleos á actividade pesqueira, como envoltorios, envases, botes, tapóns e botellas plásticas, bastóns de limpar os oídos, paus de lambetadas e cabichas. Ao finalizar a mañá, tras a clasificación e pesada dos refugallos, contabilizáronse un total de 75 quilos de lixo.
Paralelamente, diferentes grupos de voluntarios traballaron na eliminación de especies botánicas invasoras, como a margarida africana (Arctotheca calendula), o pan do cuco (Oxalis pes-caprae), así como algúns pés de Chasmanthe sp., Cotula coronopifolia e gramón. O impacto destas especies, que afectan negativamente á flora autóctona, é especialmente grave en ecosistemas dunares, como o que se interveu hoxe, un espazo que forma parte do LIC da Enseada de San Simón, pertencente á Rede Natura 2000.
O Concello de Redondela colaborou na xornada, encargándose da xestión dos residuos e plantas retiradas, tal como xa fixera na actuación do pasado ano.
Con este tipo de actividades de voluntariado ambiental, así como con iniciativas de formación e sensibilización, Afundación busca garantir a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas na costa e no propio mar. O obxectivo é visibilizar a importancia de actuar de maneira responsable para asegurar o uso e goce dos recursos tanto no presente como no futuro, en liña co seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en especial:
- ODS13: Acción polo clima
- ODS14: Vida submarina
- ODS17: Alianzas para lograr obxectivos