‘Eu sen ti’, de José Antonio Jara Mas, gaña o I Premio de Composición Coral Compostela

A obra Eu sen ti, do compositor ourensán José Antonio Jara Mas (A Bola), foi a gañadora do I Premio de Composición Coral Compostela, convocado pola Asociación Musical e Cultural Crecente en colaboración co Concello de Santiago e a Federación Coral Galega. O segundo premio recaeu en Segredo, da compositora amiense Anne Tooming.
O xurado, presidido polo compositor compostelán Fernando Buide del Real, destacou a calidade e cantidade das doce obras presentadas, o que amosa o gran interese xerado pola convocatoria. Valorouse especialmente a orixinalidade creativa, o achegamento ao panorama coral galego e a renovación do repertorio.
A obra gañadora foi eloxiada pola súa inventiva melódica, riqueza contrapuntística e narrativa formal, que artellan unha peza de gran expresividade. Pola súa banda, Segredo destacou polo equilibrio entre a aparente sinxeleza e a súa efectividade vocal, con sutilezas melódicas e rítmicas moi creativas.
A concelleira de Capital Cultural e Turismo, Míriam Louzao, renovou o compromiso do Concello coas corais e o canto oral como sinal de identidade. A entrega dos premios terá lugar o 22 de novembro no marco da II Edición do Certame Memorial que organiza a Asociación Crecente.