Familias afectadas pola falta de pediatras presentan 2.000 sinaturas ante a Xunta

Piden que se restableza o servizo nos concellos afectados de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito
foto-entrega-sinaturas-pediatras-xunta
6 Mar 2025

Unha representación das familias afectadas pola falta de pediatra dos concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito xuntáronse diante do edificio da Xunta de Galicia en Lugo para facer entrega no rexistro de máis de 2000 sinaturas que recollemos entre a veciñanza que mostrou o seu apoio a esta petición.

"Esta recollida e entrega de sinaturas dirixidas á Consellería de Sanidade é un paso máis para que as nosas reclamacións non caian no esquecemento e así seguir pedindo que se restableza este servizo tal a como estaba antes destes recortes", din.

É unánime, entre as familias, a decisión de seguir ideando actividades "para facernos escoitar, e intentar que se siga visibilizando este problema", polo que non descartan outro tipo de accións para que "nos teñan en conta á hora de restablecer este servizo nos tres concellos mencionados".

O colectivo fai público que a supresión de pediatría xera unha situación de "desatención sanitaria para as nosas crianzas, facéndonos desprazar longas distancias para acceder a consultas especializadas en pediatría. A inseguridade que xera o feito de non saber se hai ou en que centro de saúde temos atención pediátrica así como a supresión de horas deste servizo básico vulnera o dereito á protección da saúde recoñecida na Constitución e na Convención sobre os Dereitos do Neno".

As solicitudes baséanse na restitución inmediata do servizo de pediatría nos centros sinalados, a asignación de profesionais coa especialidade de pediatría para garantir unha atención de calidade e que se garantan, desde administracións públicas, o dereito a unha sanidade pública e de calidade para os nenos.

⚙ Configurar cookies
0.12827610969543