Galicia achega o seu lume literario a Xapón coa primeira tradución de Cunqueiro ao nipón

Este xoves 19 de xuño ás 12:00 horas, a Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo acollerá un evento histórico para a proxección internacional da literatura galega: a presentación da obra Álvaro Cunqueiro. Obra escolleita, a primeira antoloxía de textos do autor traducida directamente do galego ao xaponés.
O acto, organizado polo Concello de Mondoñedo e pola CMAC (Casa-Museo Álvaro Cunqueiro), contará coa presenza do tradutor da obra, o recoñecido profesor Takekazu Asaka, así como do alcalde mindoniense, Manuel Otero Legide, e do director de Publicacións e Actividades da CMAC, o crítico literario Armando Requeixo.
Nacido en Toquio no ano 1952, Asaka é catedrático emérito de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku e académico de honra da Real Academia Galega. Ao longo das últimas décadas, o profesor nipón foi quen de levar a literatura galega máis aló das súas fronteiras, traducindo ao idioma xaponés autores como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra ou mesmo a poesía trobadoresca medieval.
Agora, con esta nova publicación, convértese tamén no primeiro tradutor da obra de Álvaro Cunqueiro ao xaponés a partir do galego orixinal, sen pasar por linguas ponte. A edición que se presentará en Mondoñedo é unha escolma bilingüe que inclúe dous poemas do autor, un fragmento de Merlín e familia e outro do seu libro gastronómico A cociña galega. A edición está prologada por Armando Requeixo e ilustrada por Xosé Vizoso, artista recentemente falecido e moi vencellado tamén á vila.
Para Requeixo, a publicación representa “un fito na difusión exterior da nosa cultura e un acto de xustiza literaria para con quen foi, sen dúbida, un dos escritores máis universais da literatura galega contemporánea”.
O acceso ao acto será libre ata completar aforo, ofrecendo así á veciñanza e visitantes a posibilidade de compartir un momento singular da cultura galega. Dende o Concello de Mondoñedo salientan que “este tipo de iniciativas amosan que a obra de Cunqueiro segue viva, vibrante e cun potencial global extraordinario”.