Galicia amplía as axudas a bateeiros, confrarías e acuicultores

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se amplía en 400.
ruta do batan
8 Aug 2020

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se amplía en 400.000 euros o crédito destinado á convocatoria de 2020 de achegas para apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura. Este incremento no orzamento das axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), súmase á cantidade inicial de máis de 10,4 millóns de euros asignada para este fin na convocatoria publicada polo DOG o pasado 27 de decembro de 2019, o que supón un importe total de máis de 10,8 millóns de euros para os proxectos de bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable.

O obxecto desta ampliación é atender un maior número de solicitudes presentadas, polo que non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes e realízase en base ao artigo 3.2 da convocatoria, no que se especifica que o importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Esta convocatoria de achegas permite subvencionar ata o 50% das investimentos que realicen as microempresas, pequenas ou medianas empresas -con menos de 250 empregados e cun volume de negocio anual igual ou inferior a 50 millóns de euros- e ata o 30% dos investimentos que realicen as grandes empresas.

A primeira das liñas de axudas pasa a contar así con máis de 10,3 millóns de euros, 325.000 euros máis que na orde inicial, destinados a investimentos produtivos. A través dela a Consellería do Mar subvenciona, entre outros aspectos, actuacións para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector, incluíndo a adquisición de equipos. Tamén poderá subvencionar investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.

A segunda liña de subvencións é a destinada ao incremento da eficiencia enerxética e ao uso de fontes enerxías renovables, que se mantén en 400.000 euros. A terceira e última é para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico e ten como obxectivo mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas así como promover o respecto medioambiental. A esta última liña destínanse un total de 115.000 euros, 75.000 euros máis que os asignados inicialmente na convocatoria.

As achegas destinadas a investimentos produtivos e á eficiencia enerxética están dirixidas a todas as pequenas, medianas e grandes empresas mentres que das de asesoramento se benefician microempresas e pemes.

0.11104393005371