Galicia aproba o proxecto da Lei do clima e fixa a neutralidade en 2040, dez anos antes da UE

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Consello aprobou o proxecto da que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma pioneira que marca como meta acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do prazo fixado pola Unión Europea.
A futura lei introduce o clima como eixo transversal de todas as políticas públicas e fixa compromisos concretos: reducir un 75 % as emisións contaminantes en 2030 respecto a 1990 e impulsar medidas de adaptación para protexer a cidadanía dos riscos do quecemento global. Galicia será a primeira comunidade en establecer por lei este reto.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a norma permitirá avanzar nunha “transición ecolóxica xusta, sostible e xeradora de emprego verde”. Entre as medidas previstas inclúese a creación de refuxios climáticos, a incorporación de cláusulas ambientais na contratación pública, incentivos fiscais ao sector privado e o reforzo das redes de meteoroloxía e calidade do aire.
Tamén se desenvolverán ferramentas como a Oficina de Cambio Climático de Galicia, o Portal de Acción Climática ou o Foro de Acción Climática, xunto con instrumentos de planificación autonómica e local. Ademais, a Xunta prevé implantar un sistema voluntario de créditos de carbono para que empresas e entidades poidan compensar as súas emisións a través de proxectos sostibles.
O proxecto será remitido ao Parlamento co obxectivo de que a súa aprobación definitiva chegue antes de rematar o ano, consolidando a Galicia como referente na acción climática en España e en Europa.