Galicia, campioa na clasificación masculina por equipos do Open de España na categoría júnior

Galicia proclamouse campioa da clasificación masculina por equipos e terceira na clasificación xeral na categoría júnior do Open de España de taekwondo, que se celebrou esta fin de semana en La Nucía (Alacante).
En categoría masculina, os taekwondistas galegos lograron unha excelente colleita de medallas: Roi Fraga (-68 kg, Nº Phi) proclamouse gañador tras superar catro eliminatorias e vencer na final ao belga Ilias Louchi. Víctor Videla (-48 kg, Natural Sport) acadou a medalla de prata, repetindo a final do campionato de España contra Bernat Nadal, onde tamén foi subcampión. Completaron o medalleiro masculino Luis Fero (-78 kg, Boudsport), Thiago Segade (-51 kg, Natural) e Yago Sande (-45 kg, Maniotas), que conseguiron o bronce nas súas respectivas categorías.
No apartado feminino, a selección galega tamén acadou resultados destacados, cun ouro e dous bronces. Carla Sesar (-55 kg, Natural) consolidou a súa gran tempada gañando o ouro tras superar catro combates. Venus Izegbe Vilaseco (-63 kg, Boudsport) e Andrea Videla (-42 kg, Natural) sumaron dous bronces para Galicia.
Ademais, Adriana Naveiro (-59 kg, Kwon), que competiu representando o seu club, tamén logrou a medalla de bronce, tras alcanzar as semifinais.
Os resultados confirman o bo momento do taekwondo galego na categoría júnior a nivel estatal e internacional.