Galicia celebra a súa excelencia deportiva cos 48 galardóns dos Premios Deporte Galego

O deporte galego viviu unha xornada de celebración e recoñecemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, onde se entregaron os Premios Deporte Galego 2023 e 2024. O acto estivo presidido polos conselleiros Diego Calvo e Fabiola García, acompañados polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, quen destacaron o papel fundamental das 48 persoas e entidades premiadas para consolidar a Galicia como referente internacional no eido deportivo.
Durante a gala, Diego Calvo subliñou a relevancia do CGTD como epicentro da excelencia competitiva galega e anunciou a súa futura transformación nun Centro de Alto Rendemento (CAR), co obxectivo de potenciar aínda máis o talento deportivo da comunidade.
Entre os homenaxeados figuraron nomes de gran proxección como Teresa Abelleira, Adrián Ben, Melania Rodríguez, Rodrigo Corrales, Jorge Prado, Susana Rodríguez, Judith Rodríguez, Adiaratou Iglesias, Gustavo Dacal, David Mella, Martín de la Puente, Damián Ramos e Juan Antonio Saavedra, exemplos vivos de esforzo, dedicación e éxito.
Os premios, repartidos en 19 categorías por cada ano, recoñeceron tanto o rendemento individual como o labor colectivo, visibilizando o traballo de deportistas, clubes, técnicos e entidades que contribúen a que Galicia viva un dos seus mellores momentos no panorama deportivo.
O momento máis emotivo da noite foi o recoñecemento póstumo ao adestrador Pablo Hinójar, falecido o pasado ano, que recibiu un cálido aplauso.
Ante a ausencia dos galardoados como mellores deportistas masculinos por motivos competitivos, foron as mulleres quen deron voz ao deporte galego. Teresa Abelleira agradeceu o apoio das familias no camiño deportivo e reivindicou o orgullo de levar a bandeira de Galicia por todo o mundo. Pola súa parte, Susana Rodríguez salientou o percorrido histórico do deporte galego e animou ás novas xeracións a loitar polos seus soños: “Nós, de nenas, nunca imaxinariamos acadar o que conseguimos”.