Galicia celebra o II Maratón de Galeguidades, unha conexión global desde A Coruña

A Deputación da Coruña, en colaboración co IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), celebra este xoves 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, a segunda edición do Maratón de Galeguidades, un evento dixital que conectará durante máis de once horas ininterrompidas a Galicia coa súa diáspora espallada polos cinco continentes.
Trala excelente acollida da primeira edición, esta nova convocatoria consolídase como un espazo de encontro da galeguidade contemporánea e poderá seguirse de xeito aberto a través da web www.galeguidades.hub.gal.
A iniciativa procura ofrecer unha nova mirada sobre o que significa ser galego ou galega no século XXI, implicando tanto ás comunidades históricas como á nova emigración. “Trátase de poñer en valor o talento, a creatividade e o compromiso das comunidades galegas no exterior desde múltiples perspectivas: cultural, social, científica, empresarial ou educativa, así como render tamén a nosa homenaxe á emigración galega e á importante contribución a construír a Galicia que hoxe somos”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Durante o maratón, haberá conexións en directo con galegas e galegos residentes en 25 países, así como entrevistas, actuacións e reflexións arredor de temas como a identidade, a lingua, a ciencia ou a creación artística. Entre os nomes destacados figuran o músico Mondra, os xornalistas David Reinero, Fernanda Tabarés e Manuel Gago, ou a neurocientífica da Universidade de Houston Sonia Villapol.
Tamén participarán entidades galegas do exterior como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Festival Emigrasón ou centros galegos en cidades como Buenos Aires, Montevideo, Lisboa, Barcelona ou Sidney.
Con este evento, a Deputación e o IGADI impulsan un espazo de diálogo e proxección internacional que transforma a véspera do 25 de xullo nunha auténtica celebración global da identidade galega.