Galicia mobilízase coas Marchas do Retorno para conmemorar o 77º aniversario da Nakba

O vindeiro 15 de maio, as rúas das sete cidades galegas serán escenario das Marchas do Retorno, unha serie de mobilizacións convocadas pola Rede Galega por Palestina para conmemorar o 77º aniversario da Nakba, termo árabe que significa “catástrofe” e que fai referencia ao inicio, en 1948, do proceso de expulsión e exterminio do pobo palestino a mans do réxime colonial sionista.
En Lugo, a convocatoria terá lugar ás 20:00 horas diante da Delegación Provincial da Xunta, en Ourense será á mesma hora diante da Subdelegación de Goberno no Parque de San Lázaro; na Coruña será ás 19:30 horas no Obelisco dos Cantóns; en Ferrol tamén será ás 19:30 horas na Praza Vella, á mesma hora será en Pontevedra diante do Hospital Provincial na rúa Doutor Loureiro Crespo, 2; en Santiago de Compostela será ás 20:30 horas na Praza 8 de Marzo e en Vigo será ás 20:00 horas na Oliveira, Paseo de Afonso XII.
As Marchas do Retorno en Galicia teñen tamén un carácter simbólico, evocando as protestas masivas que tiveron lugar entre 2018 e 2019 en Palestina, nas que se reclamaba o dereito de retorno das persoas refuxiadas palestinas aos seus fogares de orixe. Neste contexto, as chaves convertéronse nun símbolo internacional desa esperanza de retorno, un emblema que tamén estará presente nas mobilizacións galegas.
A convocatoria, apoiada por agrupacións e persoas a título individual solidarias co pobo palestino, insírese dentro dunha xornada de acción global promovida polo Comité Nacional Palestino do movemento BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel), que fai un chamado á comunidade internacional a manter a presión sobre o Estado israelí e denunciar a continua ocupación e violación dos dereitos humanos.
A Rede Galega por Palestina convida a toda a cidadanía galega a sumarse a esta mostra de solidariedade, lembrando que a loita do pobo palestino é tamén unha chamada global pola xustiza, o dereito internacional e os dereitos humanos.