Galicia, sinalada por seis Banderas Negras polo deterioro do seu litoral

Contaminación, ocupación ilegal do dominio público e mala xestión levan a censura ambiental a tres provincias galegas
bandeiras-negras-ecoloxistas-2025
17 Jun 2025

O litoral galego volve estar no punto de mira tras a publicación do Informe Banderas Negras 2025, elaborado por Ecoloxistas en Acción, que denuncia as agresións máis graves ao medio mariño en todo o Estado. En total, Galicia recibe seis distincións negativas, dúas por provincia, repartidas entre contaminación e mala xestión ambiental. A situación confirma que os problemas ambientais no litoral galego seguen sen solución efectiva por parte das administracións.

En Pontevedra, o informe destaca dous casos especialmente simbólicos. Por unha banda, a ocupación do dominio público marítimo-terrestre na praia de O Con, en Moaña, por parte de Alberto Núñez Feijóo e a súa parella, o que supón unha apropiación privada dun espazo de uso común. A organización sinala que, malia tratarse dunha ocupación de pequena extensión, é particularmente grave polo perfil do infractor, expresidente da Xunta e actual líder do PP. Por outra banda, outórgase outra bandeira negra pola usurpación do dominio público na illa de Toralla, onde os propietarios dunha urbanización privada impiden o acceso libre ao litoral, co consentimento implícito das administracións.

Na provincia da Coruña, unha das denuncias apunta ao porto de Suevos, en Arteixo, afectado por vertidos contaminantes, mentres que a segunda sinala á multinacional ALTRI, pola ameaza que supón para a biodiversidade e os recursos hídricos da ría de Arousa o seu proxecto industrial.

En Lugo, a empresa Alcoa recibe unha bandeira negra pola súa xestión da balsa de lodos roxos en San Cibrao (Cervo-Xove) e pola existencia dun emisario ilegal de augas residuais, utilizado durante décadas sen control administrativo nin rigor nas auditorías. O informe critica duramente a Xunta por emitir unha Declaración de Impacto Ambiental favorable para o recrecemento da balsa, sen avaliar aspectos fundamentais nin contar con plans de emerxencia ou clausura.

Tamén en Lugo, o caso da Illa Pancha, en Ribadeo, é cualificado de exemplo paradigmático de privatización encuberta dun espazo público protexido, pertencente á Rede Natura 2000. A falta de informes sectoriais obrigatorios, a ausencia de interese xeral xustificado e a opacidade no proceso son elementos que agravan a situación. O Defensor do Pobo recoñeceu que a Consellería de Medio Ambiente non está a cumprir coa legalidade vixente, aínda que esta só se compromete a mellorar a súa actuación futura, sen corrixir a situación actual.

O informe, que este ano outorga 48 Banderas Negras en todo o Estado, advirte que moitas máis zonas poderían ser incluídas, e denuncia especialmente a ocupación crecente do espazo público por intereses privados. “A apropiación do litoral por elites económicas e a pasividade ou complicidade dalgunhas administracións son hoxe un dos principais perigos para a costa española”, conclúe o documento.

⚙ Configurar cookies
0.27395081520081