Galicia terá como festivos en 2026 o 19 de marzo, o 24 de xuño e o 25 de xullo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a proposta do Executivo autonómico para o calendario laboral de Galicia no 2026 inclúe “como festivos propios de Galicia os días de San Xosé (19 de marzo), o día de San Xoán (24 de xuño) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo)”.
Tal e como explicou o titular do Goberno galego, a normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello.
Dos outros 12 restantes, “nove son obrigatorios e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo”: 1 de xaneiro, Venres Santo (3 de abril en 2026), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2026 hai dous festivos nacionais de carácter obrigatorio que coinciden en domingo: o 1 de novembro (Festa de Todos os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) que Galicia propón substituír polo 19 de marzo (San Xosé) e o 24 de xuño (San Xoán), tendo en conta que o 17 de maio (Día das Letras Galegas) “tamén cae en domingo”.
Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2026 se celebrará o 2 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2026 que se determinan son: Aninovo (1 de xaneiro), Epifanía do Señor (Día de Reis - 6 de xaneiro), Día de San Xosé (19 de marzo), Xoves Santo (2 de abril), Venres Santo (3 de abril), Festa do Traballo (1 de maio), Día de San Xoán (24 de xuño), Día Nacional de Galicia (25 de xullo), Asunción da Virxe (15 de agosto), Festa Nacional de España (12 de outubro), Inmaculada Concepción (8 de decembro) e Natividade do Señor (25 de decembro). Ademais destes días, cada concello determina dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.
Rueda explicou que o seguinte paso nesta proposta é a tramitación do proxecto de decreto que debe levarse ao Consello Galego de Relacións Laborais para regresar despois de novo ao Consello da Xunta e finalmente publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).