Galicia viaxa ilusionada a La Nucía para disputar o Open de España de Taekwondo

A selección galega de taekwondo competirá do 25 ao 27 de abril en La Nucía, nun Open de España que reunirá deportistas de alto nivel de todo o mundo.
Tania Castiñeira
25 Apr 2025

A selección galega de combate competirá no Open de España, que se celebrará do 25 ao 27 de abril na localidade alacantina de La Nucía. O evento reunirá a deportistas de alto nivel de diferentes países e está considerado unha das citas máis destacadas do taekwondo nacional. Nesta edición participarán equipos internacionais de primeira liña como a selección de Corea e o equipo de Gran Bretaña.

A competición dará comezo o venres 25 coa categoría cadete. Galicia acudiu recentemente ao Campionato de España, onde acadou seis ouros nas categorías cadetes grazas a Nicolás Casas, Dani Abeijón, Arianna Deibe, Alba Figueira, Ainara Piñeiro e Ángela Balado. O obxectivo é conseguir, cando menos, a clasificación destes seis deportistas para o Europeo da categoría.

O sábado 26 será a quenda da categoría júnior, onde Galicia tamén aspira a grandes resultados tras os dous ouros (Tomasa Franco e Carla Sesar) e tres pratas (Roi Fraga, Víctor Videla e Antón Quintela) logradas no Nacional. O obxectivo aquí será pelexar pola clasificación para o Mundial.

O domingo 27 será a competición sénior, unha categoría na que Galicia conta con destacados taekwondistas. No Open de España 2024, a selección galega conseguiu dous ouros (Iván García e Tania Castiñeira) e seis bronces (Iago Mallo, Adrián Salanova, Lois Tomás, Javier Otero, Alma Pérez e Arlet Ortiz).

Galicia viaxa con ilusión e altas expectativas, confiando en repetir o éxito dos últimos anos.

⚙ Configurar cookies
0.038726806640625