Galiza mobilízase o 14 de setembro en Compostela por un monte galego con futuro

A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro fixo este luns un chamamento á cidadanía para participar masivamente na manifestación convocada para o domingo 14 de setembro en Compostela baixo o lema “A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis”.
O colectivo denuncia a responsabilidade da Xunta de Galiza nos devastadores incendios que arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente en Ourense, e que cualifican como un “Prestige do interior”. Entre as causas sinalan o abandono do rural, as políticas agrarias erradas e o monocultivo de especies como o eucalipto, agravados pola mudanza climática.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que as políticas forestais do PP son “por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín”. Carril reclamou unha nova política forestal que manteña vivo o monte no contexto da crise climática.
A Plataforma tamén amosou solidariedade co persoal de prevención e extinción, que traballa en condicións precarias, e reclamou un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, profesional e permanente. Ademais, piden reactivar ferramentas como as Unidades de Xestión Forestal, o Voluntariado en Defensa do Monte Galego e as axudas á valorización do monte.
Entre as súas demandas inclúen a declaración de zona catastrófica, medidas para restaurar solos e ecosistemas, moratoria para as plantacións de eucaliptos, apoio ás explotacións agropecuarias afectadas, suspensión da caza e da pesca nas zonas queimadas e un modelo forestal e industrial sustentable que xere valor no país.
A mobilización do 14 de setembro pretende frear a especulación e a manipulación política arredor do monte galego e reivindicar alternativas reais que aseguren o seu futuro.