Historias e contos na Casa Museo Manuel María con Celso F. Sanmartín
O auditorio da Casa-Museo Manuel María, dentro da súa programación cultural de Outono, acollerá o 2 de decembro, sábado, ao narrador de contos e historias Celso F. Sanmartín.
Recolledor e reinventor de historias e contos, Celso F. Sanmartín, mostra e ofrece estes contos coma un verdadeiro tesouro que se presentan cun coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.
O repertorio de Celso Sanmartín está composto por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre, e cun toque contemporáneo, para lles apalpar que tamén son actuais.
Os billetes para escoitar a Celso F. Sanmartín teñen un prezo de 5 euros, e pódense reservar por anticipado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo electrónico.