Hoxe, 25 de xullo, celébrase o Día de Galicia
O Día Nacional de Galicia é a festa oficial de comunidade e celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.
As orixes desta celebración remóntanse a novembro de 1919, cando se celebrou en Santiago de Compostela a II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que acordaron celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte, impoñéndose ás teses defendidas por Antón Villar Ponte para celebralo o 17 de decembro, considerado daquela o aniversario da decapitación do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo.
A festa comezou a ter relevancia na sociedade galega e nos centros emigrantes repartidos por todo o mundo, pero coa chegada do franquismo a festa grande de Galicia quedou interrompida e reducida a actos simbólicos relixiosos. Ademais, nesta época decídese que Santiago Apóstolo sexa o patrón de toda España.
A partir dos anos 60, comezaron a ter lugar algúns eventos clandestinos por este día e o sector galeguista empezou a impulsar, aos poucos, o rexurdir deste día. Pero non foi ata a transición cando volveu recobrar importancia.
O primeiro goberno autonómico galego decidiu que o 25 de xullo volvese ser o Día de Galicia e convertiu esta xornada nun festivo autonómico de carácter oficial. Desde entón, este día énchese de festas, actos culturais, ofrendas ao apóstolo e celebracións por toda a xeografía galega.
No Día de Galicia tamén se fan entrega das medallas de Galicia, creadas en 1984, e realízase unha ofrenda a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.