Iván García cae nos oitavos do Mundial Sénior de Taekwondo de Wuxi

O taekwondista galego Iván García (+87 kg, Mat’s) caeu nos oitavos de final do Mundial Sénior de Taekwondo de Wuxi (China) fronte ao representante de Corea, Sanghyun Kang, nun intenso duelo que se decidiu no terceiro asalto. Finalmente, o coreano proclamouse campión do mundo 2025.
Na primeira eliminatoria, Iván superou ao representante de Senegal tamén en tres asaltos. Os dous primeiros rounds estiveron máis axustados —o primeiro foi para Iván e o segundo para o senegalés—, pero no terceiro o galego mostrou a súa superioridade e non deu opción algunha (9:2).
Con este resultado, García alcanzou os oitavos, onde o esperaba Kang, que a priori non era un dos favoritos, aínda que no Mundial de Bakú 2023 xa lograra o título de campión do mundo nun peso inferior (-87). O combate foi espectacular e moi disputado: no primeiro asalto impúxose o surcoreano, no segundo venceu o galego, e no terceiro —tremendamente igualado— todo se decidiu nos últimos segundos cunha acción do rival, que acabou coas esperanzas de Iván.
O deportista galego viaxaba a este Mundial con moita ilusión e nun excelente momento de forma, tras conquistar a medalla de ouro no Grand Prix Challenge de Muju (Corea do Sur). Dos cinco combates que tivo que afrontar o coreano para acadar o título mundial, só en dous deles precisou chegar ao terceiro asalto: o de Iván e a final ante Rafail Aiukaev.
O Mundial continúa en marcha e Galicia conta con catro representantes máis:
Sergio Troitiño (-87, Mat’s) competirá o 27 de outubro.
Tania Castiñeira (+73, Hebe) sairá ao tapiz o 28 de outubro.
Arlet Ortiz (-62, Mat’s) faráo o 29 de outubro.
E pechará a participación galega Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) o 30 de outubro.
Moita sorte para todas e todos!