José Tomé, reelixido como secretario xeral dos socialistas da provincia de Lugo

A pesar de que Iván Castro presentaba unha candidatura alternativa baseada na rexenaración dentro do partido, a liña política de José Tomé venceu e seguirá á fronte do PSOE provincial
avais-José-Tomé-presidencia-PSOE-2025
27 Apr 2025

José Tomé Roca foi reelixido pola militancia socialista como secretario xeral da provincia de Lugo este domingo, 27 de abril, nunha xornada na que Iván Castro, que presentou unha lista alternativa, conseguiu 585 votos (o 42 %) fronte aos 809 (o 58 %) de Tomé, que revalida así a súa liderado provincial.

Na cidade de Lugo, José Tomé foi apoiado por 138 votantes, mentres que Castro tivo 94 votos. Porén, Castro tivo o apoio maioritario dos militantes de Paradela, Guitiriz, Castroverde, Triacastela, Guntín, Foz, Castro de Rei, Burela e Viveiro.

A pesar de que Iván Castro presentaba unha candidatura alternativa baseada na rexenaración dentro do Partido Socialista, a liña política de José Tomé venceu e seguirá á fronte do PSOE provincial de Lugo.

Tomé valorou estes resultados "hoxe foi un día de democracia interna do Partido Socialista, onde os militantes puideron expresar nas urnas a súa opinión sobre o futuro da organización e iso é unha festa. Quero agradecer ao equipo que organizou as primarias porque saíu todo ben e dá moito traballo; así como agradezo aos militantes que votaron á candidatura que encabezo e a todos os demais, todos somos parte do Partido Socialista".

Ademais, engadiu que "agora traballaremos para preparar o Congreso e procurarei que sexa representativo e paritario da provincia, e sobre todo os mellores que poidan dirixir o PSOE que quere seguir sendo a columna vertebral dos gobernos da provincia, xa que gobernamos os concellos e as cidades máis grandes da provincia de Lugo".

Así, dixo que "teño compromiso para seguir traballando por seguir nesa liña e conseguir outras Alcaldías, que será en beneficio da provincia de Lugo, creando unha situación de fortaleza do PSOE en Galicia, liderado por Xosé Ramón Besteiro. Con ese reforzamento que lidera, seremos unha alternativa real nas próximas eleccións autonómicas para que sexa, por fin, un representante socialista o que lidere Galicia", concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1241500377655