Juan Valcárcel, galardoado co Premio Carmen e Severo Ochoa

O investigador lucense, do CRG de Barcelona, é recoñecido polo seu traballo sobre o ARN e polo descubrimento do mapa funcional completo do espliceosoma humano
Profesor-Juan-Valcárcel
5 Nov 2025

O científico lucense Juan Valcárcel, profesor de investigación ICREA no Centre de Regulació Genòmica (CRG) de Barcelona, foi distinguido co XXX Premio Carmen e Severo Ochoa de Investigación en Bioloxía Molecular.

O recoñecemento, outorgado pola Fundación Carmen e Severo Ochoa xunto coa Fundación AstraZeneca e a Fundación para o Coñecemento madri+d, salienta a traxectoria de científicos que desenvolven o seu labor en España. O xurado premiou a Valcárcel polas súas achegas excepcionais ao coñecemento da bioloxía do ARN e, especialmente, polo descubrimento do mapa funcional completo do espliceosoma humano.

Este avance, publicado en 2024 na revista Science, está considerado un fito científico de enorme relevancia complementario á secuenciación do xenoma humano, ao permitir descifrar a organización da maquinaria celular que edita os xenes e abrir novas vías para tratamentos contra o cancro, enfermidades neurodexenerativas e patoloxías de orixe xenética. O traballo, desenvolvido integramente en España, sitúa ao CRG e á investigación biomédica estatal na vangarda internacional da bioloxía molecular.

No acto de recoñecemento, Valcárcel expresou a súa gratitude: “É unha honra compartir este premio con referentes científicos e persoais que o recibiron anteriormente. Para min é especialmente significativo porque os meus primeiros mentores —Juan Ortín, Margarita Salas e Eladio Viñuela— foron discípulos de Severo Ochoa, polo que sinto un fío directo coa súa escola científica e coa súa maneira de entender a ciencia como vocación e forma de vida”. O investigador destacou a inspiración que supón a traxectoria de Carmen e Severo Ochoa para varias xeracións de científicos.

O profesor Valcárcel foi proposto para o galardón polo Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina de 2017, Michael Rosbash, e polo director do Instituto Max Planck de Göttingen, Reinhard Lührmann. O xurado estivo integrado por representantes da fundación, da comunidade científica e académica, entre eles Carlos López Otín e Isabel Fariñas Gómez.

Ademais do seu mérito investigador, o tribunal subliñou o compromiso humano de Valcárcel, destacando o seu liderado inspirador, a súa humildade e o seu papel clave na formación de novas xeracións, valores que encarnan o espírito de Severo Ochoa e da ciencia como motor de progreso social.

⚙ Configurar cookies
0.29623293876648