Lara Méndez acusa ao PP de “non crer na vivenda pública” e lembra que dous terzos do investimento proceden do Estado

A viceportavoz socialista advertiu no Parlamento da baixa execución das partidas da Xunta en materia de vivenda e do risco de perder 16,7 millóns de euros por falta de xestión.
Lara Mendez
12 Sep 2025

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, advertiu hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia “non cre na vivenda pública” e só aplica medidas “cara á galería”. Na súa intervención, criticou a baixa execución das partidas orzamentarias en materia de vivenda e lembrou que o 66 % do investimento comprometido polo Goberno galego procede en realidade de fondos do Estado.

Méndez denunciou que Galicia xa tivo que devolver 9 millóns de euros ao Estado por falta de execución, e alertou de que outros 16,7 millóns están en risco se a Xunta non consegue mobilizalos. Apuntou, por exemplo, que en 2022 só se executou o 9,2 % dos programas de acceso á vivenda e que se xestionou menos da metade do orzamento previsto para rehabilitación.

Segundo destacou, mentres o rexistro de demandantes supera as 22.000 familias —con 18 novas inscricións cada día—, o balance de vivendas construídas é “catastrófico”: só 3 en 2022, 25 en 2023 e ningunha entre 2014 e 2017. Criticou que en cidades como Lugo ou Pontevedra “fixeron cero vivendas” nos 16 anos de goberno do PP.

A deputada acusou ao Executivo galego de “non buscar colaboración e acordos, só trasladar responsabilidades a outras administracións”, ao tempo que rexeitan declarar zonas tensionadas e deixan en mans dos concellos a regulación da vivenda de uso turístico. Ademais, denunciou unha “política sectaria” que só promove vivenda pública en concellos gobernados polo PP, obrigando a que sexan os municipios os que tomen a iniciativa.

Como exemplos, citou Vigo, onde o goberno local desenvolve en solitario un plan para mobilizar 13.000 vivendas baleiras tras a negativa da Xunta a financiar infraestruturas ou o PXOM, e A Coruña, que terá que construír máis de 1.100 vivendas por iniciativa propia.

⚙ Configurar cookies
0.28314304351807