Lara Méndez, nova secretaria de organización do PSdeG-PSOE

A nova Comisión Executiva galega foi votada polos militantes socialistas na clausura do XV Congreso, un acto que contou coa participación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez
Lara Méndez PSOE
9 Mar 2025

Lara Méndez, ex alcaldesa do Concello de Lugo, foi elixida como nova secretaria de organización do PSdeG-PSOE este domingo durante o XV Congreso do PSdeG, en substitución de Luis Ángel Lago Lage, quen pasa a desempeñar as funcións de secretario de administración e acción electoral.

Durante a súa intervención, a nova responsable da organización expresou o seu agradecemento pola confianza depositada pola formación e sinalou que o seu primeiro gran desafío serán os comicios municipais do ano 2027. Ademais, puxo en valor a súa traxectoria na política municipal, lembrando que foi nese ámbito onde se formou politicamente. Subliñou que ese nivel institucional é “clave” para o socialismo galego, xa que representa o contacto directo coas necesidades cotiás da veciñanza.

A nova Comisión Executiva galega foi votada o domingo polos militantes socialistas na clausura do XV Congreso, un acto que contou coa participación do presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, así como do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Ademais, a nova dirección do PSdeG será paritaria, composta por 21 homes e 21 mulleres, cumprindo así co proceso de renovación anunciado por Besteiro, que inclúe a incorporación de 14 persoas novas ao equipo.

⚙ Configurar cookies
0.11011505126953